O xadrez convértese en protagonista en Pontevedra no mes de agosto. Como consecuencia da celebración da sexta edición do torneo internacional Cidade de Pontevedra, preto de 200 xadrecistas procedentes de 19 países diferentes estarán na cidade entre o 8 e o 14 deste mes, grazas á iniciativa da Escola Xadrez Pontevedra, organizadora do torneo.
E como aperitivo, os organizadores decidiron sacar o seu deporte á rúa. Para iso, a praza de Curros Enríquez foi o escenario elixido na tarde deste domingo, desde as 16.30 horas, dunha exhibición de partidas simultáneas cos mestres internacionais Patricia de Lis e Antonio Frois, campión de Europa en categoría de veteranos.
Como rivais, os campións tiveron a afeccionados ao xadrez, aos que se sumaron tamén distintas persoas que se achegaron a presenciar as partidas que se desenvolveron con gran animación nos taboleiros instalados para o efecto.