Situación límite na Ponferradina a poucos días de recibir ao Pontevedra

Pontevedra
24 de outubro 2017

Era ao comezo de liga uno dos máximos favoritos ao ascenso, pero despois de seis xornadas sen gañar caeu a postos de descenso. Sumido nunha grave crise o seu adestrador, Carlos Terrazas, está ao bordo da destitución á espera do que suceda este mércores no choque de Copa do Rei que o equipo berciano debe disputar ante o Vilarreal

Carlos Terrazas, adestrador da Ponferradina
Carlos Terrazas, adestrador da Ponferradina

Era ao comezo de liga un dos máximos favoritos ao ascenso, pero despois de 10 xornadas de liga en Grupo I da Segunda División B a situación é diametralmente oposta e as augas baixan revoltas na capital do Bierzo.

A Sociedad Deportiva Ponferradina, situada por todos os seus rivais como un dos mellores planteis da categoría nome por nome, encadea seis xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria (con cinco derrotas) e caeu a postos de descenso, penúltimo con só 6 puntos.

Son momentos complicados en Ponferrada para o equipo e sobre todo para o seu adestrador, o vasco Carlos Terrazas, ao bordo da destitución e xa sen marxe para o erro a poucos días de ter que recibir no Toralín a un Pontevedra Club de Futbol que tampouco comezou acertado a tempada pero que si foi endereitando o seu rumbo.

Segundo informa o diario dixital Infobierzo, este mesmo luns o consello de administración da Ponferradina reuniuse para valorar a continuidade de Terrazas, adestrador e secretario técnico do equipo, aínda que a proximidade do encontro de Copa do Rei que deben afrontar este mércores ante o Villarreal conxelou polo momento o asunto.

A pesar de tratarse dun equipo da zona nobre da Primeira División, un derrota avultada ante os castellonencos podería desencadear os acontecementos, o que se segue con atención desde a cidade de Lérez.

En todo caso no Pontevedra son conscientes da difícil situación que atravesan os bercianos e tentarán o domingo (17:00 horas) pescar en río revolto, aproveitando a ansiedade e a presión sobre a Ponferradina para así conseguir tres puntos que lle permitan seguir escalando postos na clasificación.