SONDEXEVE, en contra do cambio de nome da pista de piragüismo de Pontillón do Castro

Pontevedra
14 de abril 2015

A asociación cre que darlle o nome de David Cal ás instalacións "non fai xustiza á colaboración desinteresada dos veciños e comuneiros de Verducido". Cualifican a decisión da Xunta de Galicia de "precipitada e non consensuada"

Complexo Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido
Complexo Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido

A decisión de homenaxear a David Cal poñendo o seu nome á Pista de Piragüismo de Pontillón do Castro topou coa oposición veciñal en Verducido.

Tras o anuncio realizado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na entrega dos Premios Deporte Galego, a Asociación SONDEXEVE mostrou nun comunicado a súa "sorpresa e indignación" por unha decisión que, entenden "non fai xustiza á colaboración desinteresada dos veciños e comuneiros de Verducido".

Segundo o colectivo veciñal o cambio de nome é unha decisión "precipitada e non consensuada" polo que prega unha reunión coas partes interesadas para valorar os proles e contras.

Malia que aseguran non dubidar de que "David Cal ten méritos sobrados para un recoñecemento por parte de Galicia" entenden que "perder o topónimo Verducido-Pontillón do Castro implica perder unhas raíces de séculos de pertenza a un lugar e perder a publicidade que o nome fai deste".

Por último a asociación critica "o gasto que supón un cambio de nome innecesario" e solicita que ese diñeiro se dedique "a unha mellora das instalacións e a darlle utilidade social para a parroquia" con actividades complementarias ao piragüismo.