Poida que o Poio Pescamar sexa actualmente o equipo máis en forma da Primeira División de Feminina. Por iso co billete á Copa de España no peto, competición que organizarán na casa, as vermellas márcanse un novo obxectivo, alcanzar a cuarta posición.
A falta de catro xornadas, esa praza que ocupa actualmente o Burela está a 6 puntos de distancia, polo que se fai imprescindible non fallar na visita este sábado (20:00 horas) á cancha do Majadahonda, noveno e inmerso na pelexa por entrar precisamente en Copa.
As xogadoras adestradas por Marcio Santos chegaron en plena forma á fase decisiva da competición nunha tempada que xa é histórica para o club, pero queren máis e non se conforman co seu quinto posto, xa de seu a mellor clasificación do Poio na máxima categoría.
O técnico non poderá contar para a viaxe a Madrid con Suki, que non se recuperou a tempo dos seus problemas físicos, ademais de coa lesionada Jessy Lores.