Subcampionato para Raquel Miguens no Máster Absoluto de Madrid

Pontevedra
28 de xaneiro 2019

A xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra levou a medalla de prata nos dobres mixtos e suma importantes puntos no ranking nacional

Raquel Miguens no podio do Máster Absoluto de Bádminton en Collado Villalba
Raquel Miguens no podio do Máster Absoluto de Bádminton en Collado Villalba / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

Os xogadores do Club Bádminton Ravachol seguen dándolle alegrías á entidade pontevedresa.

A última foi Raquel Miguens, ao proclamarse a pasada fin de semana subcampioa do Máster Nacional Absoluto celebrado en Collado Villalba, Madrid.

Miguens finalizou no segundo lugar na competición de dobres mixtos xunto ao seu compañeiro Bruno Moldes.

Con esta medalla de prata, a parella continua sumando puntos para o ránking nacional de fronte ao obxectivo final de tempada, o Campionato de España Absoluto que se disputará en maio en Pontevedra.

CIRCUÍTO GALEGO NAS NEVES

Tamén lle foron ben as cousas ao Ravachol a nivel autonómico na proba do circuíto galego disputada nas Neves para as categorías Sub-13 e Sub-17.

Dous ouros e un bronce foron os resultados do equipo na cita. Os triunfos foron ambos de Natalia Murio en Sub-17, ao vencer tanto en indivudais como en dobres mixto xunto ao vigués Omar Vila, mentres que Lía Illán e Martín Mistal conseguiron o bronce en idade Sub-13.