Subida de prezos do Cisne nunha campaña de socios dirixida ao público familiar

Pontevedra
03 de setembro 2018

O club pontevedrés presentou este luns a campaña de abonados para o que será o seu cuarto proxecto na División de Honra Prata, e coa que espera pasar a cifra de 600 socios

Presentación da campaña de abonados do Cisne 18/19
Presentación da campaña de abonados do Cisne 18/19 / PontevedraViva

Disputar sectores nacionais con varios dos seus equipos de base a tempada pasada, cun histórico bronce conseguido polo seu conxunto xuvenil, supuxo un esforzo económico grande ao Club Cisne Balonmán, que para lograr agora aumentar os seus ingresos decidiu subir os prezos dos seus carnés de socios.

A pesar de todo, manteñen desde a directiva, os abonos seguirán estando entre os máis baratos da categoría e "esperemos que sea asumible por nuestra masa social", explicou o presidente da entidade, Santiago Picallo.

A subida céntrase na categoría sénior, xa que "de acuerdo con la situación económica hemos decidido que hay que tocar lo menos posible a estudiantes o jubilados", sinalou o dirixente.

Desta forma os carnés sénior subirán para o cuarto ano do equipo na División de Honra Prata ata os 75 euros (60 o pasado ano), mentres que os xubilados mantéñense en 40 euros e os estudantes en 30. Pola súa banda os socios xuvenís e os simpatizantes deberán asumir un lixeiro incremento de 5 euros ata os 20 e os 15 euros respectivamente.

Búscase este ano chegar especialmente ao público familiar, onde se rebaixaron as esixencias e pasará a custar 140 euros para un mínimo de dous carnés sénior e un xuvenil. Así o explicaron na presentación da campaña de socios, que nace co lema "Que non cho conten, Ven e víveo!".

O Cisne márcase como obxectivo superar a barreira dos 600 abonados que a punto se estivo a piques de conseguir o pasado curso.

Os abonos darán dereito a todos os partidos de liga e tamén ao primeiro partido da Copa do Rei que o equipo xogue como local, mentres que co carné de simpatizante poderase acceder a dous encontros ao longo da competición ligueira.