Sufrido triunfo do Arosa ante o Choco para meter presión o Fabril (1-0)

O Salnés
02 de abril 2023

Cun solitario gol de Pacheco no minuto 18 o Arosa logrou a vitoria ante o xa descendido Choco para continuar coa súa persecución ao líder Fabril

Partido entre Arosa e Choco na Lomba
Partido entre Arosa e Choco na Lomba / Arosa SC

Cun solitario gol de Pacheco no minuto 18 o Arosa logrou a vitoria ante o xa descendido Choco para continuar coa súa persecución ao líder Fabril.

Con todo, ao cadro de Luisito custoulle entrar no partido e foi o seu rival o que tivo a primeira ocasión por medio de Samu que, cun remate afastado, obrigou a estirada de Manu Táboas para evitar o gol.

Co paso dos minutos o Arosa foi atopándose cómodo e responderon cunha falta afastada de Abel Suárez que terminou en córner, Brais Pedreira sacou de esquina e Pacheco, no segundo pau, rematou de zurda para abrir o marcador.

Dominaron os da Lomba tras o tanto xerando numerosos achegamentos de perigo, aínda que foi o Choco o que puido igualar o encontro antes do descanso cun centro envelenado de Ubeira que a punto estivo de sorprender a Manu Táboas.

Despois do paso polos vestiarios, o cadro visitante superou en posesión ao Arosa, que tivo tres claras ocasións nos primeiros 10 minutos coas que puido abrir a brecha no marcador. Borja Míguez tívoa nun man a man que atrapou Cortegoso; Sylla rematou só no punto de penalti un centro de Julio Rey, pero o seu remate foi demasiado frouxo; e, pouco despois, un centro de Brais Pedreira rematouno Iñaki de volea.

O control seguiu sendo do Choco, que a pesar de ter o control do balón foi incapaz de xerar ningunha ocasión clara coa que inquietar a un Arosa que suma tres puntos máis ante a súa afección que lle permiten seguir de cheo na pelexa por roubarlle a primeira praza ao Fabril e conseguir o ascenso directo.