Sumar tres puntos, unha obriga para o Pontevedra ante a visita do pechacancelas Valladolid B

Pontevedra
25 de novembro 2017

O lateral Miguel Ángel, con permiso do club, será baixa nos granates para o partido deste domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón. O Pontevedra busca poñer fin á súa mala serie de resultados, con cinco xornadas sen coñecer a vitoria

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Cinco xornadas sen gañar son moitas para un Pontevedra Club de Fútbol que necesita reaccionar para non verse metido en problemas na clasificación da Segunda División  B.

Os granates teñen unha boa oportunidade por diante nas próximas xornadas, xa que catro do seu próximos cinco encontros disputaranse no Estadio Municipal de Pasarón, empezando polo deste domingo 26 de novembro (17:00 horas) ante o filial do Real Valladolid.

O conxunto valisoletano chega a Pontevedra como pechacancelas do Grupo I con 8 puntos tras lograr un único triunfo en 15 xornadas de liga, sendo ademais o bloque máis goleado aínda que cun só tanto máis que os de  Luisito.

O técnico de Teo non contará para a cita con Miguel Ángel, que xa quedou fóra da convocatoria ante o Guijuelo e que se atopa en Madrid con permiso do club. O lateral foi un dos grandes damnificados polo cambio de esquema de xogo polo que se apostou nas últimas xornadas, con tres centrais na liña defensiva e un lateral de longo percorrido que nos duelos ante Navalcarnero e Guijuelo foi Marcos Álvarez.

No aspecto positivo Jimmy parece recuperado da súa lesión de xeonllo, aínda que a falta de ritmo tras dous meses sen xogar actúa na súa contra. Tamén Carlos Ramos está entre algodóns, pero Luisito convocou a todos os futbolistas e realizará os descartes pertinentes ao chegar a Pasarón.

Por parte do Valladolid B o defensor Mario Robles causará baixa para o choque ao ter que cumprir un encontro de sanción por acumulación de amoestacións.

O colexiado encargado de arbitrar o partido será o madrileño Jerónimo Montes García-Navas.