O surf como cultura centra un curso de verán da UNED

Pontevedra
23 de xuño 2026

A actividade está dirixida tanto a surfistas de calquera nivel como a estudantes, profesionais ou calquera persoa interesada. Non se require experiencia previa

Actividades do Rías Baixas Surf Pro na Lanzada
Actividades do Rías Baixas Surf Pro na Lanzada /

A UNED Pontevedra celebrará do 13 ao 15 de xullo o curso de verán 'Filosofía, antropoloxía e cultura do surf', unha proposta que abordará este fenómeno máis aló da súa dimensión deportiva.

Ao longo de tres xornadas, un grupo de especialistas analizará o surf como unha forma de entender a relación coa natureza, unha comunidade global con códigos propios e como filosofía de vida.

O curso poderá seguirse de forma presencial no Centro Asociado da UNED en Pontevedra ou de maneira online, tanto en directo como en diferido.

O programa comezará o luns 13 de xullo coas intervencións de Ignacio Iturralde, profesor do Departamento de Antropoloxía Social e Cultural da UNED, que abordará os vínculos entre antropoloxía, filosofía e surf, e de Julián López, catedrático de Antropoloxía Social da UNED, que analizará a relación entre alimentación, vento e cultura surf.

Na segunda xornada, Jorge Moreno falará sobre imaxe e representación do surf, mentres que María Ballesteros, responsable de mobilización de Surfrider Foundation, abordará o activismo en defensa do océano.

Pola súa banda, Daniel Esparza, profesor da Palacký University Olomouc, analizará a evolución histórica do surf en España e Galicia entre 1963 e 2000, e Kiko Campos, fundador de Surfmarket.org e Honey Boards, compartirá a súa experiencia emprendedora neste ámbito.

O mércores 15 de xullo celebraranse dúas mesas redondas, nas que os participantes reflexionarán sobre o impacto social, cultural, económico e medioambiental do surf.

A programación concluirá cunha sesión práctica voluntaria na praia da Lanzada, organizada por Prado Surf, que permitirá trasladar ao medio acuático os contidos abordados durante o curso. Esta clase dependerá das condicións meteorolóxicas e do mar.

A actividade está dirixida tanto a surfeiras de calquera nivel como a estudantes, profesionais ou calquera persoa interesada. Non se require experiencia previa.

Entre os obxectivos do curso figuran a análise do surf como forma de vida e postura ética, o estudo das súas dimensións antropolóxicas e comunitarias, a comprensión da súa evolución histórica en España e Galicia, a reflexión sobre a sustentabilidade e a protección dos océanos, así como o coñecemento do seu potencial como motor cultural e económico.

O curso é de 20 horas e permite obter un crédito ECTS. Ademais das sesións presenciais e online, o alumnado completará a formación mediante materiais complementarios e a participación no foro virtual.

As persoas interesadas poderán beneficiarse de tarifas reducidas por matrícula anticipada até o 1 de xullo.

A inscrición e toda a información están dispoñibles a través da UNED Pontevedra.