Suso, novo xogador do Arosa

O Salnés
03 de xullo 2016

O club arlequinado anunciou ademais a incorporación ao seu equipo técnico de Jaime García Formoso, novo adestrador de porteiros para o primeiro equipo e tamén para o cadete e o xuvenil

Suso, nun partido entre Boiro e Pontevedra
Suso, nun partido entre Boiro e Pontevedra

O Arosa dá pasos aos poucos na composición do plantel. O último, a contratación de Suso Martínez, futbolista que chega ao club arlequinado procedente do Boiro.

Suso, lateral zurdo de 25 anos, conseguiu o pasado curso o ascenso a Segunda B co seu equipo. Formado na canteira do Pontevedra, onde chegou a xogar no primeiro equipo, o futbolista de Campelo vivirá así a súa segunda etapa no Arosa, club no que estivo cedido media tempada.

Na súa traxectoria Suso pasou ademais por equipos como o Somozas e o Sanxenxo.

Non é a única fichaxe anunciada nas últimas horas, aínda que neste caso para o seu equipo técnico, ao incorporar a Jaime García Formoso como adestrador de porteiros.

Formoso, que xa ocupou ese posto no Pontevedra antes de pasar un ano na canteira do Deportivo, farase cargo da preparación dos gardametas do primeiro equipo, o xuvenil e o cadete.