Fútbol ou waterpolo? Nun Pasarón convertido nunha lagoa, Pontevedra e Ibiza fixeron o que puideron que non foi moito salvo loitar cada balón, malgastar entrega e tentar cometer os menos erros posibles.
Nesas estaban uns e outros cando o colexiado canario, quizais pola súa escasa adaptación á choiva, aos 16 minutos de partido decidiu que alí non se xogaba máis ante a cantidade de auga acumulada e a que seguía caendo sen interrupción.
Decisión polémica e protestada polo escaso público asistente, que entendían, como así era, que nese momento o terreo de xogo non estaba peor que cando o colexiado deu o visto e prace e ordenou comezar o partido.
Certo que había charcos, que o balón se freaba nalgunhas zonas e mesmo que o chuvieiro aumentaba por momentos, pero a decisión de suspensión definitiva anunciada polo colexiado sen esperar máis de dez minutos, antóllase precipitada e lesiva para ambos os clubs, que acordaron continuar a eliminatoria o 8 de xaneiro.
Antes de chegar a ese momento, os protagonistas esforzáronse o levar o balón ás áreas, co único fútbol posible, pelotazo en longo e esperar unha mínima opción. Case a atopa o Ibiza, que aos 10 minutos tivo a única ocasión do pouco que se xogou cando Sibo aproveitou un balón dividido e estrelouno no traveseiro.
Logo veu a suspensión e o acordo de ambos os equipos para disputar o partido o 8 de xaneiro ás 20:30 horas.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Jaouad, Campillo; Sana, Álex Fernández; Pedro Vázquez, Romay, Álex González; e Javi Pazos.
UD IBIZA (0): Germán Parreño; Fran Grima, Gonzalo, Rubén González, Morillas; Miguel Núñez; Raí, Javi Pérez, Sibo, Fran Carbiá; e Diego Mendoza.
Árbitro: Alexandre Alemán Pérez (As Palmas), auxiliado nas bandas por Gabriel Brito Betancor e Héctor Domingo Ortega. Sen amoestados
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Segunda Rolda eliminatoria da Copa do Rey (partido único). Uns 400 espectadores. Habilitáronse unicamente as bancadas de Tribuna e Fondo Norte ante a coincidencia horaria co "Clásico" entre Barcelona e Real Madrid.