Apenas terminou a tempada de estrada pero o Grupo Deportivo Supermercados Froiz xa ten deseñada a súa folla de ruta para afrontar un novo curso con ilusións renovadas.
O equipo ciclista pontevedrés estará un ano máis obrigado a reiventarse tras a perda, entre outros, dunha das súas principais bazas, o chileno Vicente Rojas, tras o seu paso a profesionais co conxunto italiano Green Project-Bardiani CSF-Faizanè.
Para suplilo o Froiz buscou en primeiro lugar talento novo, con corredores recentemente saídos da súa etapa júnior.
Así a formación alimenticia confirmou a incorporación de dous ciclistas procedentes dunha das principais canteiras nacionais, o MMR Academy do campión olímpico Samuel Sánchez, como son Adrián Garbajosa e Martín Rodríguez.
Ademais desde o equipo júnior Electromercantil aterra no equipo Carlos Pérez, e tamén o fai o campión portugués xuvenil contrarreloxo, Manuel Marques.
Xunto a eles incorpóranse ademais Jon Gil, ciclista de 22 anos procedente do Gomur, e Anxo Carril (CC Coruxo), como primeiras pezas confirmadas do novo proxecto deportivo do equipo ciclista con maior tradición do pelotón nacional.