Novo inquilino para a portería do Teucro. A actual xunta xestora do conxunto azul, asesorados pola adestradora Irene Vilaboa e o director deportivo Milucho Pintos, acaba de pechar a fichaxe do gardameta serbio Stefan Manoljovic.
Procedente do HC Iskra Bugojno da primeira división bosníaca e de 28 anos de idade, este porteiro de 2,02 metros de altura e 110 quilos de peso asina un contrato por unha tempada coa escuadra lerezana.
Antes de recalar na liga bosníaca, Manoljovic pasou por diferentes equipos da primeira e segunda división do seu país. Así mesmo, foi internacional júnior co combinado serbio e no 2015 xa estivo en España realizando adestramentos co Balonmán Huesca xunto a Rodrigo Corrales aínda que finalmente non foi contratado pola súa condición de extracomunitario.
Actualmente dispón de pasaporte europeo, polo que non ocupará praza de estranxeiro. A súa adaptación ao equipo tampouco será un problema debido a que fala inglés con naturalidade e tamén é capaz de expresarse en alemán e español.