Támara Echegoyen consegue o ouro mundial en Florida

Cerdedo Cotobade
15 de febreiro 2016

A regatista pontevedresa, xunto á súa compañeira no 49er FX Berta Betanzos, non fallaron na Medal Race e conseguiron o seu primeiro gran título nesta modalidade a poucos meses dos Xogos Olímpicos. Carlos e Antón Paz acaban décimo sextos e despídense de Río 2016

Támara Echegoyen e Berta Betanzos tras conseguir o ouro no Mundial de Clearwater
Támara Echegoyen e Berta Betanzos tras conseguir o ouro no Mundial de Clearwater / Jen Edney / ISAF

Obrigada a cambiar de clase olímpica tras Londres 2012, onde conseguiu o ouro xunto a Ángela Pumariega e Sofía Toro no Elliot 6m Match Race, Támara Echegoyen culminou unha notable progesión conseguindo o ouro mundial no 49erFX a só seis meses de Río 2016.

Formando equipo coa cántabra Berta Betanzos, Echegoyen dá un golpe enriba da mesa para chegar á cita brasileira como unha das embarcacións favoritas por méritos propios.

En Clearwater, Florida, o dúo galego-cántabro protagonizou unha gran remontada e na última xornada, xa cunha importante vantaxe, non fallou na Medal Race cun sétimo posto que lles valía para asegurarse o título.

Segundas, a 13 puntos, foron ás danesas Maike Foght e Anne-Julie Schütt e terceiras a alemás Vitoria Jurczok e Anika Lorenz.

"Foi un gran agasallo ao traballo duro que realizamos nesta campaña, e tras a celebración volveremos ao traballo para seguir crecendo para navegar aínda máis rápido dentro de seis meses en Río", sinalou a regatista pontevedresa tras conseguir o ouro en declaracións recollidas pola Federación Española de Vela.

CARLOS E ANTÓN PAZ, FÓRA DOS XOGOS

Peor lle foron as cousas nas últimas xornadas a Carlos e Antón Paz, no 49er, clase na que din adeus ás súas opcións de clasificación olímpica.

Os vilagarciáns foron finalemente décimo sextos, superados por outra tripulación española como a do cántabro Diego Botín e o galego Iago López, que foron décimos. Esta situación puido cambiar na última xornada, pero Carlos e Antón marcaron uns parciais de 19-20-21 nas tres mangas disputadas e non conseguiron remontar posicións.