Semana de novidades no Team Farto-kiroot, que xa se atopa en terras catalás para disputar a terceira edición da Volta a Catalunya profesional.
O conxunto lerezano, segundo no ranking nacional por equipos, medirase nesta competición a varias das mellores ciclistas do mundo coa ambición de deixarse ver e competir ao máis alto nivel.
Farano ademais cunha novidade nas súas filas, pois o club pontevedrés anunciou a incorporación da lalilense Tamara Seijas ao plantel.
Esta noticia prodúcese pouco despois de coñecer a súa saída do equipo castellanoleonés Eneicat Be-Call por motivos loxísticos e laborais.
A súa chegada ao Team Farto prodúcese de forma inminente, pois a ciclista de Lalín atópase xunto ás súas compañeiras en terras catalás para disputar a inminente Volta a Catalunya.
A propia Tamara asegura estar "moi ilusionada ante esta nova etapa nun conxunto de tanto nivel como o Farto-Kiroot, ademais sendo o equipo de casa".
Completan a lista de sete as catalás Mireia Trias e Ingrid Ruiz, que afrontan a proba cun "extra de motivación ao correr en casa; Esther Wong, Betty Hasse, Ariadna Gutiérrez e a líder do grupo, a escaladora madrileña Claudia Sánchez.
O mánager do equipo, Brais Dacal, admitie estar "entusiasmado coa incorporación dunha corredora de casa co talento de Tamara" e desexa que a lalilense "atope o seu sitio rápido neste equipo para poder ser unha peza fundamental no noso calendario internacional".