Final feliz ao culebrón do verán no Club Baloncesto Arxil, que poderá contar para o inicio de tempada da Liga Feminina 2 coa pívot Narlyn Tatiana Mosquera.
A xogadora colombiana, con case un mes de atraso sobre a data prevista por mor de problemas burocráticos, chegou este xoves a Pontevedra para poñerse ás ordes de Mayte Méndez e poder iniciar a competición oficial co equipo verde.
Desta forma, aínda que aínda falta de preparación e adaptación aos esquemas do equipo, Mosquera poderá apoiar ás súas compañeiras no debut ligueiro do próximo domingo 1 de outubro (12:30 horas).
O Arxil pon agora toda a súa atención nese primeiro partido da Liga Feminina 2, para o que cambiará de hora para recibir ao Segle XXI catalán no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Coa chegada de Mosquera as pontevedresas completan un equipo ao que chegou tamén a británica Chantel Charles e no que continuaron xogadoras importantes como Ana Román, María Lago ou Arantxa Mallou.
Todo apunta a que Ana Martín, con problemas físicos ao longo de toda a pretempada, será a única ausencia para a estrea ante o Segle XXI.
A ESCOLA MUNICIPAL SUPERA O CENTO DE INSCRICIÓNS
No Club Baloncesto Arxil móstranse satisfeitos do número de preinscricións recibidas na escola municipal que tutelan, e que superou o cento de anotados.
Para formar parte das categorías inferiores do club aínda se pode solicitar información no pavillón universitario (martes, xoves e venres de 17:00 a 20:00 horas, no teléfono 627 153 849 ou no correo electrónico [email protected].