Técnicos de fútbol sala cítanse en Marín para actualizar os seus coñecementos

Marín
04 de xaneiro 2020

Fede Vidal, seleccionador nacional absoluto masculino; Venancio López, director deportivo da RFEF; Mikel Destro, técnico do Leis Pontevedra FS; e Fran Paz, preparador de porteiras do Burela Pescados Rubén, foron os encargados de compartir os seus coñecementos cos participantes

IV Xornadas de Actualización para Adestradores de Fútbol Sala
IV Xornadas de Actualización para Adestradores de Fútbol Sala / Federación Galega de Fútbol

Marín acolleu este sábado 4 de xaneiro a cuarta edición das xornadas de actualización para adestradores de fútbol sala, organizadas polo Comité Galego de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol.

A biblioteca pública Vidal Pazos e o pavillón da Raña recibiron desde primeira hora da mañá, aos adestradores interesados en recibir unhas charlas dos profesionais deste deporte.

Fede Vidal, seleccionador nacional absoluto masculino; Venancio López, director deportivo da RFEF; Mikel Destro, técnico do Leis Pontevedra FS; e Fran Paz, preparador de porteiras do Burela Pescados Rubén, foron os encargados de compartir os seus coñecementos cos 90 asistentes á xornada.

Despois da benvida realizada polo presidente da RFGF, Rafael Louzán; o máximo responsable do fútbol sala na RFGF Pablo Prieto; o presidente do Comité Galego de Adestradores e director da escola, Iván Cancela; o concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba; e o presidente do Áncora D' Ouro, Ubaldo Lago; o primeiro en tomar a palabra foi Fede Vidal.

O técnico da selección española absoluta masculina inaugurou o relatorio ás 10:00 horas co 'Rol do sacador nas accións a balón parado', para dúas horas despois deixar paso ao director deportivo da RFEF, Venancio López, que profundou nas 'Pautas de adestramento para a defensa individual con cambios', charla coa que se pechou a quenda de mañá.

Xa pola tarde, Mikel Diestro, explicou a 'Estrutura e desenvolvemento dos fundamentos de xogo nun club de base', mentres que Fran Paz falou do 'Posicionamento do porteiro. Bisectriz, altura e orientación corporal'.