Terceira derrota consecutiva para o Ribadumia, que caeu a domicilio ante un superior Choco (3-1)

O Salnés
17 de xaneiro 2021

O Ribadumia visitou este domingo ao Choco co obxectivo de reencontrarse coa vitoria tralas derrotas fronte Arenteiro e Ourense CF na Senra, que o situaron en sétima posición con 15 puntos. Aínda que empezaron adiantándose os aurinegros, os locais deron a volta ao marcador para finalmente sentenciar cun gol de Guille no tempo de desconto

Partido entre Choco e Ribadumia
Partido entre Choco e Ribadumia

O Ribadumia visitou este domingo ao Choco co obxectivo de reencontrarse coa vitoria tralas derrotas fronte Arenteiro e Ourense CF na Senra, que o situaron en sétima posición con 15 puntos. Aínda que empezaron adiantándose os aurinegros, os locais deron a volta ao marcador para finalmente levar a vitoria cun gol de Guille no tempo de desconto.

Os de Luís Carro golpearon primeiro. O Choco era dono do esférico e estaba a atacar en campo rival. A defensa rexeitou o balón ata o cadro central, onde se atopaba Monchito que iniciou o contragolpe. Nunha carreira rápida plantouse diante de Cortegoso para gañar o man a man e enviar o balón á rede no minuto 35. Puido Charles facer o segundo para o Ribadumia antes de chegar ao descanso pero o seu tiro salvouno o porteiro local (minuto 43).

Reaccionou nada máis iniciarse a segunda metade o Choco para igualar o duelo. Óscar Comis, aos tres minutos de volver dos vestiarios, rematou con contundecia e bateu por baixo a Roberto Pazos. 

Aínda que o 1-1 era o resultado no marcador, o gol afectou positivamente os locais, que comezaron a ser superiores en canto a xogo para poñer en apertos ao Ribadumia e facer a remontada. No minuto 57, Samu cabeceou á rede e puxo aos seus por diante por primeira vez no encontro.

Chegaban os cambios para ambos os conxuntos e seguían sucedéndose as ocasións no terreo de xogo. Non se quería dar por vencido o equipo aurinegro, que buscaba conseguir o seu primeiros tres puntos este ano pero co paso dos minutos e a vitoria no aire, parecía que o partido terminaba de decantarse a favor do Choco.

Sen embargo, no foi ata o tempo de prolongación cando Guille sentenciou co terceiro tanto local co que finalizou o encontro.

Con este resultado, o Ribadumia descende ata a novena posición igualado a puntos co Rápido de Bouzas.

Consulta a acta do partido entre Choco e Ribadumia