Terceira oportunidade para o Froiz na Copa de España

Pontevedra
08 de marzo 2018

O equipo alimenticio afronta o domingo en terras murcianas o Trofeo Guerrita coa intención de ter presenza nos postos dianteiros. Non estará na cita o lesionado Abel Franco, recuperándose do recente atropelo sufrido, pero si Sergio Vega recuperado tras a súa caída a pasada fin de semana no País Vasco

Concentración de pretempada do Froiz 2018
Concentración de pretempada do Froiz 2018 / Mónica Patxot

Despois dunha semana axitada, cunha accidentada participación na Clásica de Aiztondo e o posterior atropelo mentres adestraba en Pontevedra do seu corredor Abel Franco, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz afronta unha nova oportunidade na Copa de España Elite e Sub-23.

A escuadra alimenticia viaxa a terras murcianas para tomar parte na terceira cita puntuable da competición nacional, o Trofeo Guerrita, o vindeiro domingo 11 de marzo.

Farao co seu ciclista mellor clasificado na xeral, Sergio Vega, recuperado da súa caída no País Vasco e que tentará repetir as boas sensacións que mostrou na proba inaugural da tempada.

Ademais de Veiga, respresentarán o Froiz en Murcia os corredores Diego Noriega,  Ander Del Castaño, Diego González, Joan Ruiz, Aarón Mariño e Aitor  Bugarín.

Para o equipo dirixido por Evaristo Portela o Trofeo Guerrita adáptase, a priori, ás súas características cun esixente percorrido de 148 quilómetros nos que o pelotón deberá superar ata tres dificultades montañosas, os altos de Espuña e Geba de 3ª categoría e o porto da Perdiz, de 1ª categoría.