Terceira seguida de Gonzalo Inguanzo na Copa de España de Ciclocrós e defensa do liderado de Irene Trabazo

Pontevedra
13 de novembro 2023

O ciclista do Grupo Deportivo Supermercados Froiz impúxose a fin de semana no XI Ciclocross Ciudad de Alcobendas, a súa terceira vitoria consecutiva na Copa de España, mentres que a marinense Irene Trabazo (XSM) asinou un terceiro posto a que lle permite manter o liderado da clasificación xeral

Gonzalo Inguanzo no XXX Ciclocrós Internacional de Karrantza
Gonzalo Inguanzo no XXX Ciclocrós Internacional de Karrantza / Real Federación Española de Ciclismo

A dúas citas para o seu final, a Copa de España de Ciclocrós segue tendo este ano acento pontevedrés.

Por terceira carreira consecutiva Gonzalo Inguanzo, corredor cántabro do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, foi o vencedor da proba elite-sub23 masculina do certame nacional na súa sexta data puntuable co XI Ciclocross Ciudad de Alcobendas.

Inguanzo viviu un bonito duelo con Mario Junquera, con quen escapou xa de inicio nun enfrontamento man a man que se decidiu ao sprint na liña de meta. Terceiro chegaba o sub-23 Javier Zaera a 56 segundos do gañador, mentres que Miguel Rodríguez (Froiz) foi sexto tras superar unha caída. Con este resultado Inguanzo colócase ademais a só dous puntos do liderado da xeral.

Líder sae tamén de Alcobendas a marinense Irene Trabazo (XSM), tras defender o maillot con uñas e dentes fronte a Lucía González e Sofía Rodríguez, ausentes nas dúas últimas carreiras.

Trabazo tentou seguir aos seus principais rivais, pero terminou cedendo para regularse e conservar a terceira posición que lle vale para mentener como líder do certame. Venceu a carreira finalmente Lucía González, con Sofía Rodríguez en segundo lugar.

A que tamén triunfou de novo na Copa de España foi Lorena Patiño (XSM) na carreira júnior, na que conta as súas participacións por vitorias. Nesta carreira Aroa Otero (Froiz) foi cuarta.