Terceiro partido da tempada para o Pontevedra co mesmo colexiado

Pontevedra
04 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O castelán-leonés Omar Álvarez Rodríguez foi designado polo Comité Técnico de Árbitros para dirixir o duelo entre Pontevedra Club de Fútbol e CD Covadonga

Partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón

É pouco habitual que nunha categoría como a Segunda RFEF un mesmo árbitro se cruce máis de dúas veces co mesmo equipo na mesma tempada, pero é o que lle ocorrerá ao Pontevedra Club de Fútbol a próxima xornada de liga fronte ao CD Covadonga.

O castelán-leonés Omar Álvarez Rodríguez foi designado polo Comité Técnico de Árbitros para dirixir o duelo do próximo domingo 7 de abril (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.

Será a terceira vez que Álvarez Rodríguez arbitre esta tempada aos granates, coa curiosidade que as dous anteriores foron ante o mesmo rival, a Gimnástica de Torrelavega, tanto na primeira como na segunda volta.

Precisamente na primeira xornada de liga foi o colexiado na derrota encaixada polos pontevedreses para arrincar a competición, nun duelo con moitas tarxetas (sete amarelas e expulsión por dobre amoestación do visitante Gándara) e na que os de Yago Iglesias reclamaron dous penaltis.

No choque de volta pola súa banda, con triunfo granate por 1-2 en Torrelavega, mostrou seis cartolinas.

Omar Álvarez Rodríguez tamén se cruzou co Pontevedra nunha ocasión na tempada 21-22, no Coruxo-Pontevedra que finalizou con empate (2-2).