Teresa Abelleira, preseleccionada para participar no Mundial Sub-20

Pontevedra
30 de maio 2018

A futbolista pontevedresa foi incluída na pre-lista de 35 xogadoras da que sairá a convocatoria final para o Mundial da categoría, segundo confirmou o seu actual club, o RC Deportivo

Teresa Abelleira (esquerda) nun partido do Deportivo
Teresa Abelleira (esquerda) nun partido do Deportivo

A futbolista pontevedresa Teresa Abelleira segue dando pasos firmes nas categorías inferiores da Selección Española.

Tras pasar polo combinado sub-17, co que se proclamou subcampión de Europa, e o sub-19, agora a centrocampista foi incluída por primeira vez nunha citación do equipo sub-20 e para un campionato de entidade.

Segundo confirma o seu actual club, o RC Deportivo, Abelleira é unha das 35 xogadoras preseleccionadas das que sairá a convocatoria final para o Campionato do Mundo Sub-20 que se celebrará en agosto en Francia.

Estas 35 futbolistas están citadas a unha fase de preparación de dúas semanas, do 16 ao 30 de xullo, na que se decidirá o equipo final que viaxe ao país veciño o día 1 de agosto, posto que o torneo arrincará o día 5 e prolongarase durante case todo o mes, ata o día 24, data da final.

Na primeira fase do torneo, España enfrontarase o luns 6 de agosto a Paraguai, o xoves día 9 a Xapón e o luns 13 a Estados Unidos. Os dous primeiros equipos de grupo avanzarán ás eliminatorias de cuartos de final.

Xunto a Teresa Abelleira acudirán á chamada da Selección Española dúas compañeiras de equipo no Deportivo, como son a gardameta Malena Mieres e a dianteira Nuria Rábano.