Positiva estrea para o piragüismo pontevedrés no Campionato do Mundo Sprint que comezou este mércores en Halifax, Canadá.
Unha das primeiras probas en disputarse foi o K-4 500 metros, con dobre presenza pontevedresa ao contar con Teresa Portela e Carolina García entre as deportistas do equipo nacional feminino, xunto a Sara Ouzando e Laia Pelachs.
Os meses traballando na súa base de adestramento no Complexo Deportivo David Cal do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, saíron a relucir na primeira serie clasificatoria, na que a embarcación española foi segunda cun tempo de 1:36.86, só sendo superadas polo equipo polaco e por diante do australiano, os tres que se fixeron co pase directo á final do próximo sábado 6 de agosto e na que Carolina García e Teresa Portela loitarán polas medallas.
Ademais Teresa Portela fixo dobrete no K-2 200 ao meterse na final xunto a Sara Ouzande tras liderar a súa quenda de principio a fin.
Pola súa banda o K-4 500 masculino, co cangués Rodrigo Germade a bordo, logrou o pase directo á final como primeiro clasificado da súa serie.
Na primeira xornada mundialista tamén participaba Manuel Fontán (Náutico O Muíño) no C-1 500 metros, sendo quinto na súa serie tendo por tanto que pasar polas semifinais.