Teresa Portela, ouro en K-1 200 metros nos Xogos do Mediterráneo

Pontevedra
24 de xuño 2018

Aos seus 36 anos, Teresa Portela volveuno a conseguir. Logrou subir ao máis alto do podio nunha competición internacional e, nesta ocasión, da talla dos Xogos do Mediterráneo 2018, que se están celebrando en Tarragona

Teresa Portela, co resto de medallistas no piragüismo dos Xogos do Mediterráneo

Aos seus 36 anos, Teresa Portela volveuno a conseguir. Logrou subir ao máis alto do podio nunha competición internacional e, nesta ocasión, da talla dos Xogos do Mediterráneo 2018, que se están celebrando en Tarragona.

A súa foi unha das catro medallas de ouro que logrou o piragüismo español.

Teresa Portela, que vive os seus segundos Xogos do Mediterráneo, competía nas dúas finais de K1 500 e 200 metros. Ás 10:00 da mañá, dábase a saída á final do medio quilómetro na que a pontevedresa se tivo que conformar cunha cuarta posición.

Lonxe de vir abaixo, corenta minutos despois Portela subía á súa piragua rosa para colgarse a medalla de ouro na final de 200 metros, unha proba na que se viu obrigada a remontar posicións despois dunha mala saída.

Tamén logrou o triunfo Roi Rodríguez no K1 500 metros. O de Tomiño nunha rápida regata, na que se mantivo na cabeza desde o inicio de carreira, tivo que lidar co portugués Fernando Pimienta e acabou entrando en meta cunha marxe de 693 milésimas.

Rodrigo Germade, pola súa banda, tamén colgou o ouro xunto a Marcus Cooper no K2 500 metros. A superioridade da parella española, que marcou un tempo de 1:27.907, quedou de manifesto desde o principio. Pasaron polos primeiros 250 metros con 204 milésimas de vantaxe sobre a embarcación de Francia. En meta a vantaxe aumentou a 912 milésimas.

A outra medalla de ouro española da xornada recaeu nas mans do zamorano Carlos Garrote, que derrotou aos seus rivais de forma clara na final de K1 200 metros.