A Sociedad Deportiva Teucro regresou á senda da vitoria tras superar por 29-33 ao Calvo Xiria.
O equipo lerezano foi superior e logrou sobreporse a un mal inicio do segundo acto, reaccionando a tempo para levar os dous puntos e seguir metendo presión na parte alta da clasificación.
O Teucro iniciou o encontro con clara intención de dominar e así o demostrou, situando unha parcial inicial de 2-6 que obrigaba aos locais a deter o cronómetro ao sete minutos de xogo.
O tempo morto solicitado centrou aos xogadores do Calvo Xiria que, aos poucos, comezaron a recortar a desvantaxe para situarse a dous goles do empate.
O Teucro volveu á carga e, a pesar dos intentos dos de Carballo de voltear o resultado, mantívose durante o primeiro tempo cunha vantaxe de entre tres e catro goles para chegar ao descanso cun resultado de 15-19.
Todo cambiou ao comezo do segundo acto. Aaron Rodríguez, Carlos Varela e Mario Cancela castigaron aos de Irene Vilaboa ao regreso dos vestiarios e a adestradora, decidiu solicitar tempo morto (18-19).
Caue rompeu a seca e o seu equipo volveu recuperar sensacións para situar un 19-23 que non pareceu preocupar ao Calvo Xiria, que sabía como facer dano ao Teucro e remontaba, para situar un empate a 24, cando se alcanzaba o ecuador da segunda metade.
Entrou o partido entón nos instantes de maior igualdade e todo podía pasar. Con todo, foi o conxunto lerezano o que xogou mellor as súas cartas e abriu un muro para evitar calquera penetración do rival, que quedaba cun xogador menos pola exclusión de Carlos Varela.
Andrés Pérez subiu o 24-26 ao luminoso, os de Carballo detiveron o tempo, pero unha boa defensa teucrista evitou o tanto.
O que non fallou o seu lanzamento foi Gonçalo Areiais co que puxo o +3 no minuto 50 para complicar a situación aos locais, que por máis que tentaron sacar algo positivo, terminaron sucubiendo por 29-33.
Consulta as estatísticas neste enlace