O Teucro perfila o seu proxecto deportivo con novas renovacións

Pontevedra
05 de xuño 2026

O club azul continúa preparando a próxima tempada co anuncio de cinco renovacións ao longo da semana. Eles son Iam Cabanelas, Pintus, Pablo González, Miguel Monteagudo e Roi González

Partido de Primeira Nacional entre Teucro e Lalín
Partido de Primeira Nacional entre Teucro e Lalín / Cristina Saiz

A Sociedade Deportiva Teucro avanza na confección do seu equipo para a tempada 26/27. Esta semana trouxo consigo varios movementos nas filas teucristas traducidos en renovacións de distintas pezas do plantel.

En concreto trátase de Iam Cabanelas, Daniel Pintus, Pablo González, Miguel Monteagudo e Roi González. Todos eles seguirán formando parte da escuadra pontevedresa na próxima campaña.

No caso de Iam Cabanelas, o extremo esquerdo promociona ao primeiro equipo tras disputar unha gran tempada no BM Moaña, filial do club azul. Alí anotou 64 goles en 20 partidos. O canteirán suma máis de dez anos nas filas da SD Teucro.

Unha peza crave que seguirá no club é Daniel Pintus. O extremo esquerdo chegou procedente do Reconquista no verán do 2023 e, desde entón, afianzouse como un dos pilares do equipo até ser un dos capitáns.

E outra peza fundamental que tamén seguirá é Pablo González. O gardameta aterrou na cidade do Lérez a pasada campaña procedente do Reconquista e asentouse na portaría azul de forma indiscutible. Continuidade para o porteiro vigués.

Doutra banda está Miguel Monteagudo, un dos baluartes do club pola súa traxectoria desde a categoría alevín. A súa renovación responde á súa gran evolución como xogador e ao seu compromiso e traballo constante.

Para terminar está Roi González, cuxa renovación se fixo oficial este mesmo venres. O lateral dereito chegou ao club no 2022 e, aos poucos, converteuse nun dos nomes propios da nova xeración azul.

Estas renovacións prodúcense días despois do anuncio da última fichaxe, Álvaro García, que chegou procedente do CD Agustinos Alicante para reforzar a posición de pivote.