Vitoria da Sociedad Deportiva Teucro para recuperar sensacións na Primeira Nacional.
O conxunto pontevedrés impúxose este mércores ao Balonmán Cañiza no Pavillón Municipal dos Deportes, nun encontro correspondente á xornada 9 do campionato que foi aprazado no seu día a petición do Teucro ao contar con boa parte do seu plantel de baixa por enfermidade.
Os azuis venceron e fixérono de maneira clara e contundente (29-20).
O partido comezou cun minuto de 'non xogo', tras a decisión adoptada pola Federación Española como acto de sensibilización contra a violencia polo suceso acontecido a fin de semana nun partido en Vilalonga.
Unha vez retomada a actividade, o Teucro dominou en todo momento. De feito o seu rival só contou con vantaxe no 0-1 inicial, un gol ao que seguiron sete tantos teucristas seguidos para marcar o terreo (7-1).
A vantaxe local foi crecendo até o nove tantos cos que se chegou ao tempo de descanso (16-7).
Co encontro moi encamiñado, faltaba confirmalo no segundo tempo, e esta vez fíxoo sen abafos o equipo adestrado por Irene Vilaboa.
O Balonmán Cañiza tivo uns bos minutos para reducir lixeiramente a súa desvantaxe (19-14), pero o Teucro volveu subir o nivel para despegarse de novo e confirmar un cómodo triunfo.
Con este resultado o equipo pontevedrés colócase en cuarta posición con 18 puntos.