Tino Fernández estudará unha "alternativa razoable" para a falta de auga no campo de Cerponzóns se o pide o club ou os comuneiros

Pontevedra
04 de novembro 2021

O edil de Deportes saíu ao paso das queixas compartidas polo Partido Popular aínda que sen mencionar ao grupo da oposición e mostrando o seu malestar co Cerponzóns CF. Asegura que para solucionar os problemas é necesario contar cunha autorización da comunidade de montes ao ter que actuar en terreos da súa propiedade

Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra
Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra asegura estar disposto a buscar opcións que solucionen o problema de abastecemento de auga no campo de fútbol de Chan do Monte, en Cerponzóns, aínda que o edil de Deportes, Tino Fernández, cede a responsabilidade ao club que xestiona as instalacións, o Cerponzóns CF, e á comunidade de montes.

"En canto a comunidade de montes póñase en contacto connosco ou o club póñase en contacto connosco e esteamos todos de acordo en buscar unha alternativa razoable nun terreo da comunidade de montes no que facer un pozo, ou calquera outra fórmula, a concellería valorará esa historia e poñerase a traballar niso", sinala Fernández.

Estas declaracións chegan tras as críticas do Partido Popular alertando da situación, aínda que o fan sen facer referencia ao grupo de oposición municipal e si mostrando o seu malestar co Cerponzóns.

"O presidente do Cerponzóns sabe, porque llo dixen eu no seu momento, que nesta situación para facer unha captación de auga, un pozo nos terreos contiguos que non son do Concello senón da Comunidade de Montes, necesitabamos unha autorización dos comuneiros", explica o edil, e neste sentido "indicóuselles que sondasen a posibilidade de que a Comunidade de Montes cedesen eses terreos".

Ante todo iso entende o responsable municipal que "hai que equilibrar un pouco as responsabilidades".