Tino Fernández, sobre a non entrada de pais e nais aos partidos de base: "Son ganas de leria por parte dalgúns"

Pontevedra
30 de setembro 2021

"Salvo que o que se lle estea pedindo ao Concello de Pontevedra é que incumpra as leis e faga a vista gorda, cousa que por suposto non vai facer esta institución, esa situación de suposta prohibición de acceso aos campos é absolutamente artificial", defende o concelleiro de Deportes

Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra
Tino Fernández, concelleiro de Deportes de Pontevedra / Mónica Patxot

O concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, valorou este xoves a situación que se está vivindo no deporte base da cidade coa imposibilidade de pais e nais de acceder ás instalacións municipais para presenciar os partidos dos seus fillos.

"Son ganas de leria por parte dalgúns", defendeu o edil sobre as queixas recibidas alegando que "xa se permite o acceso ao público desde hai un tempo" sempre que se cumpra coa normativa autonómica existente.

Esta situación xustificouse de feito desde fontes municipais no protocolo de prevención contra a covid que se debe cumprir, cunha desinfección das instalacións tras cada encontro no caso de contar con público que faría inviable manter o volume de partidos fixados nalgúns recintos como por exemplo os campos de fútbol da Xunqueira.

Con todo agora a concellería de Deportes cede a responsabilidade recae aos clubs, que son os que "poden autorizar a entrada de xente, unha vez que presenten o correspondente protocolo e coa única limitación de cumprir o aforo".

 "Salvo que o que se lle estea pedindo ao Concello de Pontevedra é que incumpra as leis e faga a vista gorda, cousa que por suposto non vai facer esta institución, esa situación de suposta prohibición de acceso aos campos é absolutamente artificial", sinala o concelleiro responsable.

Segundo Tino Fernández o acceso de público, e por tanto de familiares dos xogadores, podería xa estenderse aos adestramentos, "outra cousa distinta é que haxa clubs que non queiran, que non vexan factible o cumprimento das normas e dos aforos ou que preferirían que fósemos máis laxos coa normativa, pero iso desde logo xa non é culpa do Concello", conclúe o máximo responsable municipal de Deportes.