Tirán vence na Copa Galicia de Bateis celebrada en Marín no medio dun gran ambiente

Marín
18 de novembro 2019

O Paseo Alcalde Antonio Blanco acolleu a unha gran cantidade de público durante a xornada de competición, que se completou coa celebración da Gala do Remo Galego

Copa Galicia de Bateis en Marín
Copa Galicia de Bateis en Marín /

A climatoloxía deu un respiro e Marín puido gozar o sábado dunha gran xornada de remo coa celebración da Copa Galicia de Bateis.

O Paseo Alcalde Antonio Blanco acolleu a unha gran cantidade de espectadores para presenciar as evolucións da competición, na que participaban ata 83 tripulacións e máis de 500 remeiros e remeiras das diferentes categorías inferiores tanto masculinas como femininas.

A Sociedade Deportiva Tirán, club do municipio pontevedrés de Moaña, foi o vencedor absoluto da Copa Galicia ao sumar dúas medallas de ouro (alevín e xuvenil masculino) e outras dúas de bronce (alevín e infantil feminina), seguido dos clubs de Chapela e Rianxo. 

Na competición autonómica rendeu a gran nivel tamén o Club do Mar de Bueu cunha medalla de prata na categoría alevín feminina e dous bronces (alevín e xuvenil masculino).

Para completar a festa, e como fin da xornada, Marín acolleu tamén a Gala do Remo Galego.