Todo a punto no Arxil para o inicio dun novo curso

Pontevedra
30 de agosto 2018

O club verde comezará a adestrar o vindeiro luns 3 de setembro e xa ten practicamente definida a pretempada, na que terá especial protagonismo a Copa Galicia

Partido entre Arxil e Universidad de Oviedo no CGTD Diego Torrado

O Club Baloncesto Arxil prepárase para iniciar un novo curso coa volta aos adestramentos do seu primeiro equipo, previsto para o luns 3 de setembro.

Farao previsiblemente con todo o seu plantel fóra de Aldara Vázquez e Noa Casalderrey, con permiso para incorporarse uns días máis tarde, polo que Mayte Méndez traballará desde o primeiro día coas novas incorporacións como as estadounidenses Sierra Clak e Janea Williams e a catalá Gala Mestres.

Co primeiro equipo exercitaranse tamén xogadoras do filial e o conxunto junior.

Será pouco máis dun mes de preparación para chegar ao comezo da Liga Feminina 2 nas mellores condicións posibles.

Durante ese tempo o corpo técnico ten xa definido case na súa totalidade o calendario de partidos de preparación, nos que terá especial protagonismo a Copa Galicia. Así na competición autonómica o Arxil xogará o 14 de setembro en Vigo ante o Celta, o 18 ou 19 de setembro ante o Cortegada de Vilagarcía e o día 22 recibirá no CGTD o Maristas da Coruña. Ademais pechouse un amigable contra o Rosalía Pío XII en principio para o 29 ou 30 de setembro sempre que o equipo pontevedrés non se clasifique para as semifinais da Copa Galicia.