Combarro acolleu este sábado a quinta e penúltima etapa dunha Regata Interclubes que mantén a emoción até o final con todo por decidir para a última cita.
O Comité de Regatas deu o bocinazo de saída ás 14:30 nunha proba na que, ademais, estaba en xogo o Trofeo Concello de Poio. Partiron as embarcacións fronte á Illa de Tambo para afrontar un percorrido entre as balizas de Pelados e Tambo de 8,7 ou 6,5 millas en función da clase.
Máis de 50 embarcacións participaron unha etapa con condicións de vento suave que mantén a Barbafeita Wave-Fit, Maracaná, Travesío, Estrela, Marcolfo, Ziralla Primeiro, Daikiri e Iasi á fronte da clasificación xeral.
En Clase 1 Froiz impúxose o Ozosana de Juan Carlos Pérez (RCN Sanxenxo), que suma o seu primeiro triunfo. O líder da xeral, Barbafeita – Wave Fit de Santiago González (CN Portonovo), logrou o segundo posto nesta quinta etapa.
Gañou o Maracaná de Carlos García (RCM Aguete) en Clase 2 Vanguard cunha escasa vantaxe de 34 segundos sobre o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid (RCN Vigo). Ambos continúan en primeira e segunda posición na clasificación respectivamente.
Aínda que non houbo cambio de líder na Clase 3 ABANCA, a vitoria do Balea Dous de Luís María Pérez (RCN Rodeira) acurta a súa distancia respecto ao primeiro clasificado, o Travesío de Beatriz Abalo (RCN Sanxenxo), que terminou a proba na segunda praza.

Quen continúa intratable é a Estrela de Martín Amorín (CD Alagua) en Clase 4 Murimar, que logrou a súa terceira vitoria da competición para asentarse no liderado con seis puntos de vantaxe sobre o Javitudo de Pedro Barbosa (CV Atlántico).
A Clase Open Nordés Veleria deixa unha axustada clasificación de cara á última etapa, pois o triunfo parcial do Orlando de Gerardo Rafael Sánchez-Brunete (CN Arousa Norte) ascéndelle á segunda praza a un punto do líder, o Marcolfo de Pedro Martínez (RCN Rodeira), que hoxe terminou segundo.
En Clase con tripulación reducida Opticalia Campelo houbo poucas sorpresas cunha nova vitoria do Ziralla Primeiro de Ramón Barreiro (RCN Sanxenxo), que con oito puntos de vantaxe sobre o segundo xa é vencedor virtual do circuíto.
En Clásicos e Veteranos, a vitoria do día na clase Efectos Navais Jesús Betanzos levoulla o Papanatas de Andrés Froiz, polo que o tres primeiros postos mantéñense inmutables co Daikiri de Jorge Manuel Álvarez (RCN Sanxenxo) na primeira posición. En clase Landín Informática, pola súa banda, o Iasi de José Antonio Ortigueira suma a súa terceira vitoria e xa é matematicamente vencedor con sete puntos de vantaxe sobre o segundo e terceiro clasificado.
Por último está o Trofeo Desafío Interclubes, que se mantén co Real Club Náutico de Sanxenxo líder con 28 puntos. A oito puntos está o Club Náutico Portonovo e a dez o Real Club de Mar de Aguete.
A sexta e última etapa, que decidirá o podio final de cada clase, disputarase o próximo 11 de abril na Escola Naval Militar.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.