Todo preparado en Ponte Muíños para o Nacional Máster de Natación: "Este tipo de eventos interesan polo que moven"

Pontevedra
07 de febreiro 2024

O Campionato de España Máster de Natación, que conta con 1.330 deportistas rexistrados, foi presentado oficialmente este mércores no Concello de Pontevedra

Presentación do Campionato de España Máster de Inverno de Natación
Presentación do Campionato de España Máster de Inverno de Natación / Concello de Pontevedra

O Campionato de España Máster de Inverno de Natación será un dos focos de atención deportiva do que resta de semana en Pontevedra, cunha competición que se celebrará entre o xoves 8 e o vindeiro domingo 11 de febreiro no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños.

Un campoionato que atraerá á cidade a 1.330 deportistas de 161 clubs de todo o territorio nacional e que foi presentado este mércores oficialmente no Concello de Pontevedra.

"Este tipo de eventos interesan polo que moven, polo importante que son non só para fomentar o deporte. Moven unha serie de sinerxias económicas que son moi positivas para a cidade",, afirmou a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, sobre unha competición de deporte afeccionado que é a sexta vez que se celebra na Boa Vila.

"Cando investimos na organización destes campionatos estamos investindo en poñer a Pontevedra no mapa. A xente que se achega a competir queda con bo recordo da cidade, sabe onde está Pontevedra e estamos notando que cada vez máis xente vennos a visitar porque estivo aquí en probas deportivas", xustificou a edil.

Na presentación Gulías estivo acompañada polos presidentedes da Fundación Rías do Sur, a Federación Galega de Natación e do Club Natación Galaico. Entre eles o presidente da natación galega, Juan Carlos Brión, destacou o labor do club organizador, o Galaico, adiantando que moitos dos participantes "xa están pola piscina facendo os seus quecementos".