Toni Otero: "Faltou actitude, non faltou nada máis"

Pontevedra
22 de xaneiro 2023

"Eu son o único culpable de perder o partido", insiste Otero, "quero que os xogadores e a xente entenda que os responsables somos os que mandamos e neste caso eu hoxe", e confesa que "dentro do meu vestiario falouse á cara e dixéronse as cousas que se tiñan que dicir"  

Toni Otero, na rolda de prensa tras o partido ante a Balompédica Linense
Toni Otero, na rolda de prensa tras o partido ante a Balompédica Linense

Confiaba "cegamente" no plantel, pero este domingo ante a Balompédica Linense o Pontevedra CF de Toni Otero levouse un bo pau e caeu derrotado por 3-0 contra o equipo menos anotador da categoría.

"É unha derrota dura", recoñeceu o novo técnico granate, que cre que o equipo fixo "unha boa primeira parte, saímos ben na segunda e nunha acción dun desaxuste fainos encaixar o primeiro gol e a partir de aí non partiu, o equipo baixou os brazos".

Considera que "faltou actitude, non faltou nada máis. Gañar duelos, ser un equipo intenso e agresivo... O que fixo o equipo contrario". Aínda así, asume o 'mea culpa' e responsabilízase do ocorrido sobre o terreo de xogo, "son o primeiro en dar un paso adiante e dicir que isto ten que mellorar e ten que cambiar e niso estaremos nas próximas semanas".

"Eu son o único culpable de perder o partido", insiste Otero, "quero que os xogadores e a xente entenda que os responsables somos os que mandamos e neste caso eu hoxe", e confesa que "dentro do meu vestiario falouse á cara e dixéronse as cousas que se tiñan que dicir".

O Pontevedra meteuse nun auténtico problema con este resultado e a situación complícase a cada día que pasa, sobre todo coa destitución dun adestrador a metade da semana e con tan pouca marxe para preparar o encontro. "Todo pesa. Vimos dunha situación bastante mala e tivemos pouco tempo para preparar as cousas. Non é escusa", recoñece, "hai que levantar a cabeza, o ánimo e a actitude".

Reitera a súa confianza no plantel, cre nela e cre que "é suficientemente competitiva cando está ben para competir nesta categoría, temos que recuperar iso". Con todo, para el "o primeiro é cambiar a actitude de todos. O que digo aos xogadores é que de aquí só sáese con actitude, isto é Primeira RFEF e non hai ningún equipo superior a outro, simplemente gañan por actitude".

Precisamente da actitude de Charles falou durante a rolda de prensa, insistindo en que "é un líder, fóra do vestiario é o primeiro en facer todo. Fixo un bo partido, pelexouse cos centrais e tivo actitude. É o que pido a todos".

Con todo, a pesar dos erros dos seus xogadores, para Toni Otero o partido estivo controlado ata que tivo que facer o cambio de Brais Abelenda por obrigación aos 12 minutos de xogo, momento no que "nos rompemos un pouco. Esa presión que estabamos a facer angustiando aos medios centros estaba a axudarnos e estaba hciaendo que eles non tivesen eses lanzadores. Ese cambio obríganos a meter outro tipo de medio centro, non hai unha saída a un balón e aí fíltrannos un balón e fannos o primeiro gol. É unha situación que tiñamos que controlar e non o fixemos", matizou.

Tamén afagou o xogo da Balompédica Linense, "paréceme un equipo moi intenso, que corre moi ben o espazo e esperabámonolo/esperabámosnolo así".  O problema que tivo o Pontevedra foi que "non fomos capaces de interpretar o xogo do equipo rival, eles souberon interpretar mellor os últimos 30 minutos", cando chegaron os tres goles.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora