Tono Campos inicia o Europeo de Piragüismo Maratón cunha medalla de prata na carreira curta

Pontevedra
25 de xullo 2019

O padexeiro do Grove comeza con bo pé o Campionato de Europa de Maratón que se está celebrando na localidade francesa de Dezize, ao conseguir subir ao podio na proba curta de 3,4 quilómetros

Tono Campos (esquerda) tras conseguir a prata na carreira curta do Europeo de Maratón
Tono Campos (esquerda) tras conseguir a prata na carreira curta do Europeo de Maratón / Federación Galega de Piragüismo

O Campionato de Europa de Piragüismo Maratón comezou este xoves na localidade francesa de Dezize con bo pé para a delegación pontevedresa.

Tono Campos (Breogán) estreouse cunha medalla, de prata, na nova carreira curta de  C-1, disputada baixo un formado de só 3,4 quilómetros de percorrido con dous  porteos e que se estreaba no Europeo.

O padexeiro do Grove cruzou a liña de meta en 15 minutos e 43 segundos, a case 6 segundos do polaco Viktor Glazunow que marcaba un tempo de 15 minutos, 37 segundos e 73 milésimas. O podio completouno o checo Jacub Brezina.

Na mesma disciplina Diego Romero, deportista tamén do Breogán do Grove, finalizou na quinta posición.

O Europeo de Maratón continuará este venres coa participación de Joaquín Iglesias (Piragüismo Verducido) no K-2 xuvenil xunto a Alejandro Moreno.