A Asociación Veciñal Cultural e Músico Deportiva Ágora do Atlántico-Amigos de UNED Pontevedra, coa colaboración do Concello de Portas, a UNED Pontevedra, e a aula UNED de Portas, organiza o I Torneo de Pádel Concepción Pérez Iglesias.
Trátase dunha iniciativa que busca a través do deporte reivindicar a figura da primeira alcaldesa de Galicia e unha das primeiras de España.
A xornada, explican os seus organizadores, combinará deporte, igualdade, inclusión e memoria histórica.
Celebrarase o próximo 13 de xuño nas instalacións da antiga Azucreira de Portas.
O torneo reunirá a un total de 48 participantes distribuídos en categorías masculina, feminina e mixta.
"Quixemos unir deporte e igualdade para recoñecer a figura de Concepción Pérez Iglesias, unha muller que rompeu os teitos de cristal do seu tempo e abriu camiño a moitas outras mulleres no ámbito institucional", explica o presidente da Asociación Ágora do Atlántico-Amigos de UNED Pontevedra, Rafael Cotelo Pazos.
"Queremos que esta cita deportiva sirva tamén para achegar á cidadanía a historia dunha muller extraordinaria que situou a Portas na historia de Galicia e de España", engade.
Máis aló da súa dimensión deportiva, o torneo nace co obxectivo de poñer en valor o legado de Concepción Pérez Iglesias, quen exerceu como alcaldesa de Portas entre 1925 e 1930, converténdose na primeira muller en acceder a unha alcaldía galega nunha época na que as mulleres aínda non conquistaran dereitos fundamentais como o sufraxio universal.
Nada en Santiago de Compostela en 1881 e mestra de profesión, desenvolveu gran parte da súa vida na parroquia de Lantaño, en Portas.