Traballada vitoria do Peixe Galego no primeiro partido da fase de ascenso (74-62)

Marín
18 de maio 2018

Os de Marín empezan con bo pé a fase final ao superar na Raña o Isover Azuqueca nun encontro que dominaron e no que o segundo cuarto resultou clave

Hale-Edmerson nun partido do Peixe Galego
Hale-Edmerson nun partido do Peixe Galego / Diego Torrado

Con bo pé iniciou o Peixe Galego o camiño cara ao ascenso á liga LEB Prata na fase final que se disputa desde este venres na Raña.

Apoiado polo seu público, os de Marín impuxéronse nun traballado encontro o Isover Azuqueca (74-62) para achegarse ao obxectivo final.

Os de Javi Llorente dominaron o encontro, pero custoulles romper o choque nun primeiro cuarto de tremenda igualdade e efectividade defensiva (12-11).

Foi no segundo parcial cando o Peixe comezou a marcar o seu territorio, con Simmons como MVP (22 puntos e 11 rebotes) secundado por un Pantín dominador na zona, chegando ao descanso con vantaxe de 33-25.

Tras o intermedio os visitantes tentaron recortar distancias, pero os de Marín tiraron de solidez para controlar a súa vantaxe e mesmo aumentala (54-43) a falta dos 10 minutos finais, nos que a vitoria xa non correu perigo.

O Peixe Galego sitúase así primeiro de grupo xunto a L'Afas, que venceu á súa vez ao Valencia CB (72-81). Este sábado (20:00 horas), segundo asalto cun duelo entre os líderes que pode resultar clave na pelexa polo ascenso.

Consulta as estatísticas do Peixe Galego-Isover Azuqueca.