O Poio Pescamar sumou este sábado un novo triunfo a domicilio ante o pechacancelas Leganés, que lle puxo as cousas complicadas na primeira metade para terminar goleando por 1-5.
O primeiro gol da tarde tardou en chegar e non foi ata o minuto 7 de xogo cando Carla Ayensa logrou abrir a lata tras un bo pase de Saki desde a banda esquerda.
Continuou co asedio o cadro conserveiro e gozou de numerosas oportunidades que se estrelaron en Falconi. Primeiro tentouno Elena Aragón e despois a goleadora Ayensa tívoas de todas as cores, pero o marcador non se volveu a mover ata a segunda metade.
As cousas cambiaron despois do paso polos vestiarios e o Poio Pescamar complicouse. O Leganés creceuse e a punto estivo de igualar a contenda por medio de Cintia tras un bo contragolpe nada máis saltar á cancha, e pouco despois Moni nun man a man que detivo Elena coa perna dereita.
Respondeu o momento o equipo visitante con senllas ocasións, primeiro cunha boa triangulación en banda esquerda que Ale de Paz estrelou na porteira, despois seguiulle Laura Uña probando fortuna cun disparo que se foi rozando o poste e finalmente Irene, pero o seu intento atrapouno Falconi.
Con todo, a falta de 10 minutos para a conclusión o acerto das vermellas mellorou e Ale de Paz subiu o 0-2 tras cazar un rexeite na área.
A reacción pepinera chegou ao instante e Micha, tras pase de Moni, reduciu distancias uns segundos despois, pero enseguida o Poio Pescamar volveu ampliar a vantaxe cun disparo cruzado de Irene que se coou no interior da portería.
Optou polo xogo de cinco o cadro local con Micha como porteira xogadora a 6:42 do final pero nada puideron facer. Martita fixo o cuarto a cinco minutos do final tras aproveitar unha volea de Ale de Paz e xa sobre a bucina Elena Aragón desde o seu campo e sen porteira anotou o 1-5 co que concluíu o encontro.
Consulta a acta nesta ligazón