Trasona proba o nivel do piragüismo pontevedrés no primeiro selectivo da tempada

Pontevedra
10 de maio 2017

Os piragüistas pontevedreses afrontarán de 11 ao 13 de maio no encoro asturiano un control selectivo no que estará en xogo a súa clasificación para as próximas probas da Copa do Mundo ou para o Mundial e Europeo Sub-23

Tono Campos e Diego Romero, no selectivo para o Mundial de Milán celebrado en Pontevedra
Tono Campos e Diego Romero, no selectivo para o Mundial de Milán celebrado en Pontevedra

O piragüismo pontevedrés afronta desde este xoves 11 de maio e ata o sábado 13 una das citas clave da tempada, o primeiro control selectivo nacional na que estarán en xogo as prazas para as próximas competicións internacionais.

O encoro asturiano de Trasona será escenario dunhas xornadas na que os padexeiros buscarán clasificarse para as Copas do Mundo de Szeged e Belgrado ou para o Mundial e Europeo Sub-23, entre outros eventos.

É o primeiro e necesario paso nos obxectivos dun piragüismo pontevedrés que estará ben representado.

No C-1 1.000 metros competirán polo Piragüismo Poio os padexeiros Adrián Sieiro, Sergio Vallejo e Álex Bernárdez, ademais de Diego Romero (Breogán do Grove), mentres no K-1 1.000 metros estará o pontevedrés Iago Monteagudo en idade Sub-23 (Club Naval de Pontevedra) e en categoría junior Luís Rodríguez e Francisco Silva (Piragüismo Portonovo).

En canto á categoría individual feminina, Lara Outón (Breogán) estará no C-1 200 metros do mesmo xeito que Antía Jacome (Ciudad de Pontevedra) aínda que no seu caso en idade junior. No K-1 200 están inscritas a olímpica Teresa Portela (Ría de Aldán) e Natalia García (Breogán) e por último no K-1 500 metros competirán Carla Sieiro (Piragüismo Poio) en categoría sub-23 e Raquel Torres (Verducido), Carolina García (Ciudad de Pontevedra) e Antía Santiago (Illa de Arousa) na junior.

Tamén haberá nas selectivo regatas de barcos dobres, na que ademais de estar presentes moitos dos deportistas que participan na competición individual, destaca a presenza de Tono Campos (Breogán) xunto a Diego Romero no C-2 1.000 metros.