Ano a ano a aínda nova Travesía a nado do Lérez organizada polo Club Natación Galaico tenta ampliar o seu impacto co obxectivo de consolidarse no panorama nacional e internacional na modalidade de augas abertas.
Nesta ocasión, coa súa cuarta edición, a proba deportiva subirá "un chanzo máis para tentar ser das mellores de España", recoñece o presidente da entidade, Alberto Castro.
Ese chanzo é pasar a formar parte do Circuíto Luso Galaico de Auga Abertas, ademais de seguir pertencendo á Copa de España de Augas Abertas e ao Circuíto Galego da especialidade.
A proba deportiva celebrarase o vindeiro domingo 9 de agosto na contorna da praia fluvial, só un día despois doutra cita da Copa de España coa que está irmanada, a Travesía Vila do Tea.
Durante a mañá dese domingo 9 de agosto disputaranse até tres probas no río Lérez en función da distancia, agrupando as diferentes categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, júnior, elite, máster, promoción, popular e natación adaptada.
Todo iso nun percorrido "100% visible para o público desde ambas as dúas beiras do río, nun circuíto de baixada e subida onde os nadadores demostrarán a súa destreza en augas abertas", explica a organización.
Na Travesía a nado do Lérez están involucradas, asegura o Galaico, máis de 50 persoas.
Habilitarase ademais un importante dispositivo de seguridade con vixilancia desde terra, asistentes na auga en táboa, motos de auga, socorristas, GEAS Garda Civil, Bombeiros, médico e ambulancia.