Estaba a chamada a ser unha das probas deportivas máis espectaculares da tempada, pero finalmente a travesía a nado entre a illa de Ons e Sanxenxo foi cancelada.
O goberno municipal de Sanxenxo non autoriza a celebración desta proba, prevista para este sábado 6 de setembro, por razóns de seguridade e saúde pública.
Así o comunicou este venres o equipo organizativo da Tripla Coroa Illas Atlánticas.
O motivo da suspensión desta travesía é a masiva presenza en augas de Sanxenxo de carabelas portuguesas, unha medusa de alta toxicidade.
Todas as praias de Sanxenxo seguen coa bandeira vermella izada e o baño está prohibido.
Debido a esta circunstancia, e para protexer a saúde dos deportistas, a organización viuse obrigada a suspender esta proba de 13 quilómetros.
Un total de 137 nadadores de 12 nacionalidades diferentes estaban inscritos para participar nesta travesía, que ía unir a illa de Ons coa praia de Silgar.
Xunto coa proba, tamén se suspenderon as actividades paralelas, entre elas os percorridos infantís gratuítos en Silgar para máis de 20 nenos, unha visita guiada a Ons para familiares e un concurso de fotografía.
