O Treboada presume de resultados no Nacional Base de Ximnasia Acrobática

Pontevedra
19 de xuño 2025
Actualizado: 13:49

O club pontevedrés sumou catro medallas no Campionato Nacional de Base celebrado en Granada

Deportistas do Treboada no Nacional Base en Granada Club Treboada

Grandes resultados para o Club Treoboada no recente Campionato Nacional Base de Ximnasia Acrobática.

A entidade pontevedresa sumou ata catro medallas na competición celebrada os días 11 e 12 de xuño en Granada.

O Treboada conquistou unha medalla de ouro co trío júnior formado por Martina Maquieira, Laura Pereira e Lucía Cima.

Ademais acadaron tres medallas de bronce.

Lográronas o dúo sénior de Valeria Cima e Alma Medrano, a parella cadete composta por Aldara Cabaleiro e Laura Conde e a parella alevín formada por Kayla Suengas e Maruxa Casas.

Uns resultados dos que presumir e que reforzan o traballo e nivel mostrado en adestramentos e tamén en campionatos como o Galego.

De feito na competición autonómica celebrada o 25 de maio en Nigrán o Treboada sumou 6 ouros, 1 prata e 2 bronces.

Un broche de nivel para unha tempada que termina mantendo a ilusión de cara aos retos do próximo curso.