Tres anos de Ruta BTT Cidade de Pontevedra

Pontevedra
16 de maio 2016

Preto de 400 afeccionados á bicicleta de montaña participaron este domingo na terceira edición da ruta, que tivo a súa saída e chegada na Avenida Montero Ríos

III Ruta BTT Cidade de Pontevedra
III Ruta BTT Cidade de Pontevedra / Diego Torrado

Despois dun cambio de data e con menos participación que en pasadas edicións, pero co mesmo espírito deportivo e bo ambiente. Así se celebrou este domingo a terceira edición da Ruta BTT Cidade de Pontevedra, organizada polo Club Ciclista Farto.

Preto de 400 afeccionados á bicicleta de montaña tomaron parte nunha agradable xornada deportiva, que tivo o seu inicio e fin na Avenida Montero Ríos.

Os participantes completaron un percorrido de 40 quilómetros, de dificultade media, con subida ao Lago de Castiñeiras e baixada cara Vilaboa antes de regresar á cidade de Lérez.

A organización mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento da proba e confirmou que pensa xa en celebrar a que será a súa cuarta edición.