Tres décimas apartan a Juan Saavedra da final na súa primeira proba en Río

Pontevedra
11 de setembro 2016

O tirador paralímpico pontevedrés terminou décimo na modalidade de R3 Carabina Tendida e quedou fóra da loita polas medallas, o seu obxectivo. O vindeiro mércores 14 terá outra oportunidade, na proba na que conseguiu a medalla de prata en Londres

Juan Antonio Saavedra durante unha competición
Juan Antonio Saavedra durante unha competición / Comité Paralímpico Español

Só tres décimas apartaron a Juan Antonio Saavedra da loita polas medallas no seu debut nos Xogos Paralímpicos de Río de Janeiro.

O tirador olímpico pontevedrés finalizou en décima posición na proba de R3 Carabina Tendida, despois de catro quendas nas que conseguiu 632.2 puntos, polos 6232.5 do ucraíno Lurii Stoiev, oitavo.

Saavedra foi de menos a máis e logrou na última quenda a súa mellor marca (107.1), con todo non foi suficiente para lograr o seu obxectivo, meterse na final.

A pesar diso aínda queda outra opción, o vindeiro mércores 14, na proba na que foi medalla de prata en Londres 2012, R6 Carabina Libre Tendida.