Tres días de competición, 8 etapas e 550 quilómetros: Nace a Epic Race Pontevedra de BTT

Pontevedra
24 de marzo 2017

A proba transcorrerá pola provincia de Pontevedra durante os días 8, 9 e 10 de setembro. Os ciclistas afrotarán 550 quilómetros cun desnivel positivo de 14.500 metros, pero terán a opción de realizar unha versión curta con 270 quilómetros e 7.000 metros de desnivel

Segunda edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail
Segunda edición da Pontevedra 4 Picos Bike & Trail / Diego Torrado

Unha nova competición deportiva verá a luz este 2017 en Pontevedra coa intención de "converterse nun referente do ciclismo de montaña a nivel nacional".

A Epic Race Pontevedra de BTT disputarase por primeira vez os días 8, 9 e 10 de setembro no que para a empresa organizadora, Global DxT, será unha carreira "única das súas características no noroeste e a máis esixente en canto ao trazado", recoñecen nun comunicado.

A Epic Race terá tres días de competición con 8 etapas distribuídas pola provincia para percorrer en total 550 quilómetros sumando un desnivel positivo de 14.500 metros. Ademais habilitarase unha opción reducida con 270 quilómetros e 7.000 metros de desnivel acumulado.

A carreira exponse como un reto persoal no que os ciclistas deberán completar o percorrido nun máximo de 48 horas, ou de 24 no caso de afrontar a metade da proba.

Segundo explicou a organización, o desafío poderase afrontar en solitario ou en equipos de dous, tres ou catro compoñentes, transcorrendo as oito etapas polos municipios de Pontevedra, Redondela, Tui, A Lama, Moraña, Vila de Cruces e Cerdedo-Cotobade achegándose a lugares como as Brañas de Xestoso, o Sobreiral de Arnego ou a Fraga de Catasós, entre outros. Os deportistas terán que guiarse por GPS e estableceranse diversos puntos de transición nos que os equipos contarán con asistencia e servizos de avituallamento, masaxistas, duchas ou zonas de descanso.

A saída darase desde Pontevedra cunha primeira etapa ata Redondela, para despois continuar ata Tui (etapa 2), A Lama (etapa 3), de novo Pontevedra (4), Moraña (5), Vila de Cruces (6), Cerdedo (7) e finalizar de novo na cidade de Lérez (8).

"Pretendemos que cada ciclista marque o seu propio reto, á vez que coñece as marabillas que ten que ofrecer Pontevedra", sinala Josevi Cimadevila, responsable de Global DxT sobre a Epic Race, que conta co respaldo da Federación Galega de Ciclismo e da Deputación de Pontevedra.

A inscrición abrirase o próximo 10 de abril e contará cun límite de 800 prazas, entre as que esperan se atopen a maioría de figuras nacionais deste tipo de probas de BTT de longa distancia. Toda a información respecto diso atópase na web www.epicracepontevedra.com.