Se en deporte en xeral, e no fútbol en particular, a frase "non hai inimigo pequeno" é unha verdade absoluta, nesta ocasión esa afirmación vén avalada por números. O Pontevedra recibe en Pasarón (domingo, 17:00 horas) a visita dun teórico modesto como o Izarra navarro, empeñado en demostrar neste inicio de tempada, que o de modesto déixano no vestiario no momento en que saltan ao terreo de xogo.
O Izarra chega despois de protagonizar un máis que notable inicio ligueiro. Con vitorias fronte a Ponferradina, Somozas e Palencia, ademais dun empate contra a Cultural Leonesa, os navarros unicamente cederon e pola mínima, na súa visita ao Celta B, mostrando un ano máis unha extraordinaria fortaleza defensiva, xa que deses cinco partidos conseguiron deixar a súa porta a cero en catro, e só o filial celeste foi capaz de facerlles gol.
Todo iso fai que Luisito insistise aos seus homes durante a semana en que non quere descoidos. Os granates saben que non deben ceder puntos na casa e buscan ademais reengancharse co vagón dianteiro da táboa cunha vitoria que lles permita non ceder distancia cos postos altos.
Trátase, por tanto, dun partido cheo de atractivos para que Pasarón rexistre unha boa entrada. O técnico de Teo, como é habitual nos partidos da casa, convocou a todos os xogadores dispoñibles, polo que deberá decidir os descartes no mesmo vestiario.
O colexiado encargado de dirixir o partido será Fernando Román Román (Castela-León), auxiliado nas bandas por Rubén Díez Díez e Enrique Monge do Dujo.