Triatletas de todas as categorías participarán en Pontevedra no campionato de España de tríatlon sprint

Pontevedra
02 de setembro 2021

O mellor tríatlon nacional volverá á contorna do Lérez os días 2 e 3 de outubro co Campionato de España en distancia sprint para as categorías cadete, xuvenil,  junior, elite, grupos de idade e paratriatlón

Campionato de España de tríatlon sprint disputado en Pontevedra
Campionato de España de tríatlon sprint disputado en Pontevedra /

O río Lérez e a Avenida de Bos Aires de Pontevedra volverán ser escenario do mellor tríatlon nacional coa disputa os próximos 2 e 3 de outubro do Campionato de España de Tríatlon en distancia Sprint, que reunirá a deportistas de toda España nunha sede que non faltou no calendario da Federación Española de Tríatlon nin sequera nos momentos máis duros da pandemia.

As competicións presentarán un amplo programa de carreiras para as categorías cadete, xuvenil, junior, elite, grupos de idade e paratriatlón, levando de novo a festa do deporte e do tríatlon á cidade galega que presenta un dos mellores escenarios de España e internacional, recoñecido con competicións como o Mundial Multideporte 2019.

Tino Fernández, concelleiro de Deportes, afirma que "Pontevedra respira tríatlon e acolle con moito agarimo calquera proba deste deporte. A cidadanía goza do espectáculo que supón unha competición tan esforzada como esta, e a iso hai que engadir o magnífico traballo da Federación Española de Tríatlon e da Federación Galega de Tríatlon que facilitan moito a organización deste tipo de eventos”.

Na cidade de Pablo Dapena, Saleta Castro, Javier Gómez Noya e dos integrantes do equipo de tecnificación do CGTD están convencidos de que "a realización de probas de alto nivel serve para fomentar e ampliar a base da que esperamos que sigan saíndo novos campións e campioas", destaca Fernández, quen tamén pon en valor o positivo impacto económico que ten este tipo de eventos na capital.

Os horarios, percorridos, protocolos e demais detalles desta competición iranse desvelando nas próximas datas.