Pontevedra reforzará a súa posición como a referencia deportiva de alto nivel en Galicia. Ata trinta millóns de euros investirá a Xunta para converter o actual complexo de Cernadiñas Novas, en Santo André de Xeve, no primeiro centro de alto rendemento deportivo da comunidade.
Así o anunciou este luns o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, despois de que o goberno galego, na súa xuntanza semanal, declarara o interese autonómico do proxecto pola súa incidencia territorial, pola súa magnitude e polas súas singulares características.
Este novo centro de alto rendemento integrarase coa tecnificación do CGTD e permitirá centralizar e xuntar a excelencia deportiva de Galicia nun mesmo recinto onde máis disciplinas deportivas, instalacións e deportistas poderán ter cabida.
Ademais, este equipamento busca, detallou Calvo, conseguir manter o alto nivel do deporte galego en Galicia e alcanzar un maior financiamento do Estado co "salto cualitativo" que implica pasar dun centro de tecnificación a un de alto rendemento, que sería o terceiro de España.
"Vai garantir que ningún profesional teña que buscar fóra de Galicia o seu futuro por falta de infraestruturas axeitadas", indicou o vicepresidente galego, así como atraer a deportistas de toda España para que desenvolvan a súa carreira na comunidade galega.
O futuro proxecto de interese autonómico que se desenvolverá a partir de esta declaración, prevé un complexo de diferentes equipamentos deportivos duns 120.000 metros cadrados de superficie, situado a tan só sete quilómetros de distancia do CGTD.
O centro contará con novas instalacións deportivas que se construirán en fases sucesivas e que acollerán a práctica de diversas disciplinas como bádminton, ximnasia, deportes de combate, baile deportivo, escalada, esgrima ou atletismo, a través dun módulo cuberto.
No que respecta á área exterior deportiva están programados circuítos para BMX, BTT e skate, entre outras especialidades.
Tamén se desenvolverán zonas comúns, que incluirán aulas para formación, zona administrativa ou servizo médico, así como a residencia para concentracións ou estancias de deportistas de alto nivel.
No complexo de Cernadiñas Novas existen, desde hai máis de 50 anos, unhas instalacións deportivas adicadas á práctica de varias modalidades de tiro e mesmo á formación de corpos e forzas de seguridade de diferentes administracións.
O novo centro permitirá así dar unha solución amplamente demandada á situación deste campo de tiro, dotando a Galicia dun centro especializado en tiro olímpico e paralímpico.
O conselleiro de Deportes indicou que a ampliación do centro de tecnificación deportiva de Galicia vén motivada polo incremento do alto nivel na nosa comunidade que se multiplicou case por cinco desde 2011, ao pasar de 300 a 1.500 deportistas.