Triste despedida ligueira do Arxil con descenso e derrota (54-59) frente ao Al Qazeres

Pontevedra
31 de marzo 2013

As de Mayte Méndez culminan a peor tempada da súa historia con só dúas vitorias e vense condenadas a un descenso que intentarán evitar nos despachos optando a algunha das prazas que poidan quedar libres por renuncia doutros clubs

Distinto rival, parecido desenlace. Non era o día máis propicio para pensar nunha vitoria do Arxil, fronte a un Al Qazeres ao cal o seu segundo posto na táboa lle fai entrar como campión na fase de ascenso tras a renuncia do Feel Cortegada, e aínda así repetiuse o guión. As de Mayte Méndez estiveron no partido ata o último cuarto no que viron como se repetía o de tantas tardes, cando se escapaba a vitoria simplemente por pequenos detalles.

Despedida amarga para unha tempada máis amarga aínda, rubricada con só dúas vitorias e un descenso cantado fai xa bastantes xornadas e do que só pode librar ás arxilistas a obtención dalgunha praza que poida quedar vacante como consecuencia da crise que afecta a bastantes equipos e á que pensa optar o club pontevedrés.

O partido ante as cacereñas foi igualado, chegando con empate ao último cuarto no que decidiu o maior acerto nos tiros libres do cadro visitante, impedindo ao Arxil brindar aos seus sufridos afeccionados unha vitoria na súa despedida, polo menos momentánea, da Liga Femenina2.

C.B. ARXIL (54): Sandra Entenza (3), Ana Martín (2), Carla Fernández (12), Zara Huntley (12), Olga Fedorova (5) -cinco inicial-, Andrea Carrera (3), Jara Tuda (15), Estefanía López, Cristina Díaz Pache (2), Soage e Marina.

AL QAZERES (59): Carmen Cambero, Gabriela Rodríguez (8), Alejandra de la Fuente (2), Jara Salgado (22), Carla Marisa Ramos (10) -cinco inicial-, Elena Corrales (4), Ndidi Madu (9), Ndeye Samba (4), e Vero Sánchez.

Árbitros: Pazos e Estévez (Colexio Gallego).

Marcadores parciais: 10-14, 9-9 (19-23), 20-16 (39-39) y 15-20 (54-59, final).

Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación deportiva (Pontevedra). Ao redor de 150 espectadores.