Triunfo de oficio do Pontevedra fronte ao Arenas de Getxo

Pontevedra
14 de decembro 2025
Actualizado: 21:06

Os granates fixeron un partido moi serio e superaron por 2-0 ao conxunto vasco (rival directo pola permanencia) grazas aos tantos de Miguel Cuesta e Compa

Miguel Cuesta celebra o seu gol fronte ao Arenas de Getxo
Miguel Cuesta celebra o seu gol fronte ao Arenas de Getxo / Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol logrou este domingo máis que tres puntos. O conxunto granate derrotou por un 2-0 ao Arenas de Getxo que lle permite meterse na quinta praza e, con iso, nos postos de play-off de ascenso a Segunda División.

Os granates fixeron un partido moi serio no que Edu Sousa foi o mellor xogador, salvando ao equipo con grandes paradas nos momentos decisivos.

En canto ao enfrontamento, púxose de cara moi pronto para o Pontevedra nunha gran acción colectiva que iniciou Luisao en banda dereita. Cedeu a Brais, este deulla a Yelko e o 10 abriu cara ao extremo esquerdo, onde estaba Resende. O portugués recortou ao seu par, avanzou até liña de fondo e picou o balón o xusto para que Miguel Cuesta, ao bordo da área pequena, rematase de cabeza á escuadra do arco defendido por Gastesi.

Despois do gol, o Arenas fíxose dono do esférico e dominou a posesión, buscando atopar espazos entre os homes dun Pontevedra que estaban a defender ben e mantiñan o perigo completamente afastado da portaría de Edu Sousa.

Os que si conseguiron asomarse en campo rival (e con moito perigo) foron os locais pasado o ecuador do primeiro tempo. Yelko filtrou o balón entre os defensas e Brais plantouse completamente só ante Gastesi. O dianteiro lerezano tentou regatealo, pero o gardameta derrubouno dentro da área cometendo penalti claro. O colexiado non dubidou en pitalo e Brais encargouse de tiralo cara á dereita do porteiro, que adiviñou a traxectoria do disparo e evitou o segundo tanto.

Tras esa acción, o Arenas volveu ao seu plan de ter o coiro e buscar o gol dun empate que estivo a piques de chegar no tempo de desconto. Zabala abriu cara á dereita, onde estaba Borikó Saká. O seu centro rematouno Zabaleta entre o tres paus, obrigando a Edu Sousa a empregarse a fondo. O balón rexeitado colleuno Álex e entre o gardameta granate e Alain encargáronse de despexar. Con todo, o perigo non acabou aí. O equipo vasco recuperou enseguida e Troncho, desde fóra da área, sacou un potente disparo que de novo repeleu Edu Sousa cunha gran intervención que enviou o partido ao descanso.

Ao regreso dos vestiarios o Arenas volveu a asomarse con certo perigo en área granate, pero para fortuna da parroquia lerezana o cabezazo de Paul Álvarez a centro de Troncho acabou moi desviado.

O que si que acertou apenas 10 minutos despois foi Compa, que acaba de entrar no terreo de xogo en lugar de Brais. Tiago deulle o balón entre centrais ao ex do Arosa, quen bateu a Gastesi cun disparo raso que o gardameta chegou a tocar.

Tras o 2-0 chegaron os cambios nas filas do Arenas para tentar reverter a situación, pero non conseguiu inquietar a porta local. Si o fixo Vido, no 73, tras un centro de Resende, pero o seu chute foise rozando a madeira.

Alcanzábase a recta final e os visitantes non deixaron de pelexar en busca do gol que os metese no partido. E tivérono nas botas de Diocou quen, a pase de Borikó, rematou desde dentro da área pequena. Edu Sousa estivo atento e, de socato, realizou un auténtico paradón para manter a portaría a cero.

O partido entrou entón no tempo de desconto e o Pontevedra dispuxo de dúas claras accións coas que puido sentenciar dunha vez por todas. A primeira cunha falta botada por Yelko desde o bordo da área que se se foi rozando o traveseiro e a última un remate de Expósito a pase de Oute que se foi demasiado cruzado.

Con este resultado, o equipo de Pasarón ascende á quinta praza da clasificación e, con iso, métese nos postos de play-off de ascenso a Segunda División.

PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Miki Bosch, Alain Ribeiro, Brais (Compa, min. 45), Yelko, Miguel Cuesta (Expósito, min. 62), Resende (Eimil, min. 74), Vidorreta, Luisao (Álex, min. 62), Montoro e Tiago (Oute, min. 86).

Arenas CLUB GETXO (2): Gastesi, Paul Álvarez (Julen Lartitegi, min. 85), Zabala, Álex (Ánder, min. 65), Troncho, Diocou, Verde, Jorge Luís (Álvaro Vázquez, min. 65), Mutilva, Zabaleta (Carlos Mattheus, min. 76) e Borikó Saká.

Árbitro: Néstor Holgueras (Castela e León), auxiliado nas bandas por Jesús Rodrigo e Eduardo De Ponga. Amoestou a Vido (50'), Alain (79') no Pontevedra e a Álex (23'), Gastesi (26') no Arenas.

Goles: 1-0, Miguel Cuesta, min. 7. 2-0, Compa, min. 57.

Incidencias: Partido da xornada 16 de liga de Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.655 espectadores.